Casablanca

CASABLANCA1

Casablanca

19-12-2012

Casablanca é unha cidade de seis millóns de habitantes, máis do dobre da poboación coa que conta toda Galicia. Ademais é un dos enclaves comerciais máis importantes do norte de África, e capital económica de Marrocos.

Os portugueses bautizárona ao pasar pola súa costa, e a película do mesmo nome fíxoa mundialmente coñecida. Durante a Segunda Guerra Mundial foi un lugar estratéxico onde pululaban axentes secretos de todas as nacionalidades. Na actualidade Casablanca é unha cidade chea de vida na que aínda se conservan as pegadas do seu pasado colonial francés.

En Casablanca está tamén a Mezquita de Hassan II, un templo actual e moderno que conta coa última tecnoloxía en edificacións. En contraste, a medina antiga de Casablanca respira aínda o espírito dos clásicos zocos árabes e é un lugar moi frecuentado por comerciantes e turistas.

Galegos en Casablanca

Making Of


Mais información

Coordenadas: 33°32′N 7°35′O / 33.533, -7.583

Casablanca[1] (en amazigh: ⴰⵏⴼⴰ "Anfa" ou "Taddart Tamellalt", e en árabe: الدار البيضاء, ad-Dar al-Baïdaa, en darija: Casa, كازا) é a maior cidade do Marrocos, o seu principal porto e centro económico e comercial do país. A súa poboación segundo o censo do 2004 é de 3 111 977 de habitantes. Sitúase na beira do Océano Atlántico, a 80 quilómetros ao suroeste de Rabat.

Historia

Anfa nun gravado do século XVI; a enseada portuguesa no centro.
Casablanca dende satélite.

A historia de Casablanca comeza coa cidade chamada Anfa creada entre o século X e o século XI sobre un territorio ocupado polo ser humano dende seguramente a prehistoria. Durante a primeira metade do século XX, Casablanca foi considerada como unha cidade de modernidade, en particular a causa da súa arquitectura.

Antigüidade e alta Idade Media

Inda que sen probas arqueolóxicas, seica dende a alta antigüidade houbo nese lugar da costa atlántica magrebí un poboado de pescadores bérberes que asemade servía de escala aos navíos fenicios.

Entre os séculos VII e VIII, xa islamizados, pertencían ao emirato Berghouata da rexión de Tamesna que entre 744 e 1068 profesaba una versión heterodoxa do islam.

Anfa

O que semella máis probable é que no século XI alí fora fundada polos bérberes Zenatas unha vila co nome de Anfa. Dende o 1068 en poder dos almorábides e despois dos almohades, foi converténdose (séculos XII e XIII) en porto comercial cada vez máis activo con importantes relacións coa Península Ibérica. O declinar do poder merínida de Fez no século XIV levou a cidade a unha economía de seu baseada na piratería.

En 1468 a monarquía portuguesa organizou unha expedición de castigo que culminou co incendio e destrución de Anfa. Algúns autores falan dun novo ataque en 1515 e dunha posible reconstrución en 1575. Os portugueses tamén a fortificarían dándolle o nome de Casa Branca. O continuo hostigamento da poboación indíxena veciña e o gran terremoto do 1755 rematarían co abandono portugués do lugar. Porén seica xa no 1515 o intento de construír unha fortaleza fracasa polos ataques bérberes. E así as ruínas dominaron o solar de Anfa por tres séculos. De feito, a enseada central que servía de porto entre as rochas chamábase portuguesa e será o arranque do porto moderno.

Refundación

En 1786 o sultán alauita Mohamed Ben Abdallah, por medo de ataques portugueses, reconstrúea co nome de Dar el-Beida. Erixe unha mesquita, madrasa, hamán e a fortifica cunha muralla (4 km, 50Ha, conforme ao tipo tradicional de medina árabe), repoboándoa con bérberes doutras rexións (e unha xudería, Mellah). O monopolio do comercio é concedido aos españois (posible razón de que rematara impoñéndose a tradución ao castelán, Casablanca, do seu nome árabe). Xa en 1794 era residencia do gobernador da provincia de Chaouia [2][3][4].

A metade do século XIX unha crise de aprovisionamento de la e gran en Europa fan da cidade a principal exportadora, experimentando así un primeiro desenvolvemento comercial. O tráfico portuario comeza a creceres en detrimento do de Tánxer e pronto faise necesaria a decisión de dotárese dun porto axeitado.

Protectorado francés

A axuda francesa para a construción do porto trouxo conflitos (1907, paso do ferrocarril do porto por un cemiterio musulmán) que remataron coa intervención militar francesa e a sinatura do Protectorado (1912) [5]. O resultado para a cidade foi a construción dun dos maiores portos de África e a explosión urbana subseguinte organizada no Plan Prost (1915 [6]). Tratábase dun deseño semirradioconcéntrico que evitaba a cuadrícula apostando pola zonificación: as actividades comerciais e industriais, barrios de obreiros inmigrantes marroquinos do rural, ao leste entre o porto e a estación; as residenciais, maiormente dos europeos e as elites, no oeste. No medio a vella medina conxestionada (unida a cidade pola Praza de Francia e o Boulevar da Gare) e unha nova medina ao sur rentes do pazo real. Foi o tempo da Casablanca art déco, con numerosos exemplos de arquitectura cosmopolita [7].

No período de entreguerras o éxodo rural non fixo máis que acrecentarse tendo por consecuencia a aparición dunha coroa de bidonvilles. As secas entre 1936 e 1952 dispararon o problema [8]. En 1947 as autoridades encomendaron ao urbanista Michel Ecochard un novo plan de extensión de Casablanca [9]. Amparado nas ideas do movimento moderno proxectou unha cidade lineal costeira seguindo o porto entre a urbe e a veciña Fedala (Mohammedia) con infraestruturas axeitadas, zonificación de usos e unha especial énfase na vivenda e equipamentos sociais. Os especuladores inmobiliarios, que xa fixeran diluír a incidencia do plan Prost, deixaron pouco espazo as intervencións de Ecochard.

Independencia e futuro

En 1956 Marrocos conseguiu a independencia. Inda coa marcha da poboación europea e xudía, Casablanca seguiu a representar o papel de centro económico do país, ampliando mesmo a súa compoñente industrial.

As dinámicas antes expostas continuaron a acentuarse (inmigración do rural, especulación e certa anarquía urbanística, bidonvilles). Tamén actuacións excepcionais tentando dar unha icona representativa á vila (vg. a Gran Mesquita Hassan II, ao noroeste da medina, a segunda maior do mundo [10][11]).

A toma de conciencia da metrópole cara o seu futuro semella querer retomar o mellor dos plans do pasado (rede de metro) xunto as inevitables intervencións das cidades globais (un centro de negocios no porto con rañaceos e unha mariña tamén con edificios en altura [12]).

Notas

  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524. 
  2. Mapa da Medina de Casablanca ata 1900
  3. O costado sueste de Casablanca fora de murallas (Praza de Francia en 1905) [1]
  4. Ídem mirando cara ao porto, 1914
  5. Plano do porto de Casablanca en 1913 partindo da antiga enseada portuguesa de Anfa [2]
  6. Plan de extensión de Casablanca, Henri Prost
  7. Páxina con exemplos da arquitectura decó e moderna en Casablanca
  8. Mapa de Casablanca en 1953 co cinto de bidonvilles
  9. Esquemas do plan de M. Ecochard para Casablanca; N. de Mazieres (documento pdf, 2Mb) [3]
  10. Vista aérea xeral da Gan Mesquita Hassan II
  11. Vista da Gran Mesquita Hassan II na ribeira
  12. Proxecto da Mariña de Casablanca
source: http://gl.wikipedia.org/wiki/Casablanca

Comparte este destino

Alba González GallegoCasablanca