Historia
Orixes
O nome da cidade de Liverpool aparece por primeira vez cando o conde Roxerio de Poitou construíu nela un castelo contra o ano 1089, é dicir, pouco tempo despois da conquista de Inglaterra polos normandos. Axiña foron a buscar protección no castelo feudal algunhas cabanas de pescadores.
A orixe do nome de Liverpool escrito en diversas formas levou a diferentes explicacións sobre o seu significado derivado do ave Liver, literalmente traducido como fígado.
En 1207, o rei de Inglaterra Xoán Sen Terra outorgou nunha patente real ós habitantes de Liverpool as franquías municipais das que gozaban as demais cidades da costa, foi polo tanto declarada porto e é cando se considera que se fundou oficialmente esta poboación. Outra Carta de 1228, estabeleceu nela unha corporación de mercaderes e tódolos que non formasen parte dela foron excluídos do privilexio de comerciar (making merchandise) a non ser que o fixeran con permiso dos habitantes. Pero estes privilexios exerceron pouca influencia no crecemento da cidade de Liverpool e así é que até 1551 non eran máis que unha aldea rodeada de pantanos, cunha poboación de preto de 500 cidadáns.
Séculos XVII e XVIII
Liverpool en 1680, a imaxe máis antiga que existe da cidade.
En tempo da Revolución Inglesa no século XVII (as guerras civís entre o poder parlamentario e o poder real), esta cidade seguiu ó partido de Cromwell, foi sitiada e tomada polo príncipe Ruperto e ó ano seguinte volvérona tomar as tropas do Parlamento, sendo estes os únicos feitos militares da cidade de Liverpool até o século XX.
En 1699, Liverpool foi nomeada parroquia polo Parlamento e é o mesmo ano no que o primeiro barco negreiro, o Liverpool Merchant, zarpou cara a África na busca de escravos. A partir do século XVIII, Liverpool empezou a expandirse enormemente debido ó florecemento do comercio. A primeira dársena de flotación do Reino Unido construíuse en Liverpool en 1715, ó que se egadiron outras tres antes de metade de século.
En 1720 Liverpool aínda non se comunicaba con Manchester máis que polo Mersey e o Irwell, mais estes ríos eran pouco profundos para ter circulación de barcos cargados, que bloqueaban con frecuencia a navegación, cando o duque de Bridgewater, coa axuda do enxeñeiro Brindley abriu unha nova vía bastante importante para satisfacer as necesidades do comercio.
Unha das principais causas da riqueza de Liverpool foi a trata de escravos e dende 1730 a 1770 saíron do porto de Liverpool dous mil buques negreiros, co cal calcúlase nuns once anos só estes barcos transportaron ás colonias de América trescentos catro mil escravos que foron vendidos aproximadamente nun total de catrocentos millóns de francos, cun beneficio para os negociantes de escravos de arredor de douscentos millóns de francos. Ó final dese século, Liverpool controlaba máis do 40% do comercio de escravos de Europa e o 80% do Reino Unido.
Século XIX
A rúa Lime de Liverpool nunha foto da década de 1890.
A comezos do século XIX, un 40% de todo o comercio mundial pasaba por Liverpool. A mediados de século, Liverpool tiña vinte e cinco dársenas anchas, cómodas e espazosas que ocupaban unha superficie de veinticinco hectáreas para albergar os numerosos barcos de todo o mundo que chegaban ó seu porto. En 1830, Liverpool e Manchester convertéronse nas primeiras dúas cidades unidas por vía férrea co ferrocarril de Liverpool e Manchester, debido á crecente demanda de materias primas das industrias situadas en Manchester. A poboación tamén medrou axiña, especialmente nos anos 1840 por mor da chegada de emigrantes irlandeses durante a Gran Fame.
A mediados do século XIX entraban no porto de Liverpool máis de trinta mil barcos. Daquela, as principais importacións da cidade de Liverpool eran de algodón, azucre, té, madeiras de construción, tinturas, viños, coiro, cabelo, sebo, aceite, liño, cáñamo, aguardente, café, grans, fariñas, rubia, ron, añil e tabaco e as principais exportacións consistían fundamentalmente en tecidos de algodón, la, liño, cáñamo, seda, fiados de la, algodóns, quincalla, coitelos, aceiros, cobres, bronces manufacturados, carbón de pedra e tabaco.
Século XX
Liverpool foi capital europea da cultura 2008.
Durante o século XX, desenvolvéronse masivamente os suburbios de Liverpool, o que mellorou a calidade de vida de milleiras de familias. O censo alcanzou un máximo de más de 850 000 persoas en 1931, para baixar até a metade en 2001. Durante a segunda guerra mundial, a cidade sufriu oitenta bombardeos que mataron a 2 500 persoas, danando case a metade dos edificios. En 1952, Liverpool irmandouse con Colonia, Alemaña, cidade coa que compartiu a terrible experiencia dos bombardeos aéreos.
Durante os anos 1960, Liverpool converteuse nun centro cultural xuvenil, con The Beatles como máximos representantes. A partir dos anos 1970, os peiraos e as industrias caeron en declive e nos anos 80 a taxa de desemprego era das máis altas do Reino Unido. A finais de século, deseñouse un plan de rexeneración que continúa agora e a economía recuperouse con crecementos maiores á media nacional.
Invencións e innovacións
Ferrocarrís, buques de vapor transatlánticos, tranvías municipais[5] ou trens eléctricos[6] todos foron pioneiros en Liverpool como xeitos de transporte masivo. En 1829 e 1836, os primeiros túneles ferroviarios no mundo construíronse en Liverpool. De 1950 a 1951, o primeiro servizo programado de helicóptero de pasaxeiros do mundo correu entre Liverpool e Cardiff.[7]
A primeira Escola para Cegos,[8] o Instituto de Mecánica,[9] a Escola Superior de Nenas,[10][11] a casa do consello[12] e o Tribunal de Menores[13] foron fundados en Liverpool.