Rotterdam
09-04-2013
Rotterdam é o porto marítimo máis grande de Europa e o segundo do mundo, motor industrial dos Países Baixos e centro económico, social e cultural do Estuario do Rin. Con pouco máis de 595.000 habitantes é a segunda cidade do país, por detrás de Amsterdam, e máis de un millón de persoas de 162 nacionalidades vive na súa rexión.
Situada no delta do Rin e do Mosa, a 30 quilómetros do Mar do Norte, Rotterdam toma o seu nome do río que a atravesa, o Rotte, e presenta unha personalidade estética propia dentro do país ao ter sido reconstruídas tres cuartas partes da cidade despois dos bombardeos da Segunda Guerra Mundial.
É por iso que Rotterdam é coñecida como a capital mundial da arquitectura moderna. Expertos e visitantes interesados na arquitectura atopan sempre o que buscan, ben percorrendo as súas rúas ateigadas de elementos arquitectónicos únicos, ben polas conferencias, excursións ou exposicións sobre arquitectura que cada semana teñen lugar nesta urbe.
Galegos en Rotterdam

Carlos Traba
Ten 41 anos, leva case toda a vida en Rotterdam pero non pode negar que é galego, concretamente de Fisterra. Con el coñecemos o principal porto de Europa de noite, vemos o pouco que quedou da cidade despois da Segunda Guerra Mundial e visitamos os estadios dos principais equipos de fútbol, o Esparta e o Feyenoord.

Gema Rodríguez
É unha luguesa de 41 anos que xa leva 15 nos Países Baixos onde botou raíces ao casar e ter dous fillos cun holandés. Con ela achegámonos ate os muíños de Kinderdijk, coñecemos Dordretch, a cidade máis antiga de Holanda, e visitamos Gorinchem, municipio da Holanda Meridional onde actualmente vive Gema.

Enrique Silva
Sesaxenario orixinario de Santa Comba, conta os días que lle quedan para xubilarse e volver a Galicia. De momento segue indo cada día á súa empresa en bicicleta, onde traballa de electrónico. Acompañámolo nunha travesía por un dos maiores portos do mundo a bordo do Spido, dende onde podemos gozar do perfil da cidade.

Julia Vieites
Marchou da Laracha hai 47 anos e estivo 30 limpando nun hospital. Agora está xubilada pero non deixou de traballar, xa que vai cada día á casa da súa filla a coidar dos netos. Coñecemos a súa familia e paseamos con eles polo zoo de Rotterdam.

Paula Santos
É unha coruñesa de 22 anos que veu a Rotterdam atraída pola cultura musical de Holanda. Aquí pode facer un máster especializado no seu instrumento, a viola. Entre outras cousas, coñecemos con ela un mercado típico e subimos á Euromast, a torre máis alta da cidade.

Alejandro Voces
Enviou un cento de currículos para buscar traballo na enxeñería naval e, canso de que ninguén lle contestase, colleu as maletas e chantouse en Rotterdam. Aos poucos días concedéronlle unha entrevista, contratárono, e agora, este vigués de 30 anos está deseñando o seu primeiro barco. Subidos no seu coche e vemos os principais atractivos de Rotterdam.