Zúric

zurich8

Zúric

02-05-2012

Zúric é a capital e cidade máis poboada de Suíza. Está próxima aos Alpes e destaca pola súa distribución: está rodeando un precioso lago.
Zúric tamén resalta por ser unha das capitais mundiais das finanzas, algúns dos máis importantes bancos do mundo teñen sede na cidade, e a lenda di que debaixo das súas rúas hai toneladas de ouro.
Pero Zúric tamén ten outros alicientes: é o centro cultural de Suíza, posúe moitas zonas verdes, un casco antigo ben conservado e foi galardoada co título de cidade con mellor calidade de vida do mundo en dúas ocasións, segundo diferentes organismos. Será por iso que moitos famosos teñen domicilio nalgunha das fermosas casas á beira do lago de Zúric.

Galegos en Zúric

Making Of


Mais información

Zürich[1], ou Zúric[2], (en alemán: Zürich, en latín Turicum) é unha cidade suíza de 372.047 habitantes, segundo datos de decembro de 2010 (1,08 millóns no contorno urbano). É a cidade máis grande do país, e é a capital do cantón homónimo. Está dividida en 12 distritos (Kreise en alemán).

Xeografía

Zürich sitúase no límite setentrional do Lago de Zúric, onde o río Limmat abandona o lago. Un pouco máis ao norte, no maior parque da cidade, o Platzspitz, o río Sihl, procedente do suroeste, desauga no Limmat.

No oeste da cidade esténdese o val do Limmat. Ao norte, Zürich crece sobre os montes Zürichberg e Käferberg, até chegar ao val do Glatt. No límite oriental encóntranse os montes Adlisberg e Uetliberg. A superficie do municipio é de 91,9 km².

Os concellos que limitan con Zürich son: Kilchberg, Adliswil, Stallikon, Birmensdorf, Uitikon, Schlieren, Oberengstringen, Regensdorf, Rümlang, Opfikon, Wallisellen, Dübendorf, Fällanden, Maur e Zollikon.

Historia

A cidade ten 7.000 anos de historia de asentamentos ininterrompidos documentados. Como cidade foi fundada polos romanos no ano 15 a.C., co nome de Turicum. Na Idade Media gañou o privilexiado status feudal de inmediación imperial, co cal o Sacro Imperio Romano Xermánico distinguía a certas cidades ou entidades baixo o seu dominio.

Zürich xogou un papel clave na Reforma protestante, ao ser a orixe e centro da mesma na Suíza xermanofalante baixo o liderado de Ulrich Zwingli, quen viviu na cidade dende 1484 ata o seu pasamento, acontecido en 1531 e que foi o autor da versión da Biblia coñecida co nome de Biblia de Zúric. A reforma deu lugar a profundas mudanzas civís en todo o cantón.

Chegou a ser a capital do Estado no bienio 1839-40 e foi accidentalmente bombardeada durante a segunda guerra mundial.

Economía

Centro da cidade

Zürich é o centro comercial, económico e financeiro do país helvético. Compañías como USB, Credit Suisse, Swiss Re e moitas outras institucións financeiras (sobre todo bancos e aseguradoras) teñen as sedes centrais nesta cidade. O sector financeiro achega máis da cuarta parte da actividade económica da cidade, favorecida pola lexislación nacional de secreto bancario. A Bolsa de Suíza (SWX Swiss Stock Exchange) tamén está localizada en Zúric.

A cidade é un centro financeiro de primeiro nivel mundial e repetidas veces foi proclamada cidade con mellor calidade de vida no mundo.

Por outra banda, o nivel de desemprego en Zürich era do 2,6% (en agosto de 2007). Ao redor dun 4% da poboación (15.500 persoas) viven directa ou indirectamente do subsidio do estado (abril de 2005).[3]

Demografía

Segundo datos recentes, 30,6% dos habitantes da cidade non posúen a cidadanía suíza[4]. Os cidadáns alemáns constitúen o grupo estranxeiro máis numeroso de Zürich co 22%, seguido dos inmigrantes de Kosovo, Albania e Italia.[5].Con todo, a área metropolitana (incluídas as cidades de Winterthur, Baden, Brügg, Schaffhausen, Frauenfeld, Uster/Wetzikon, Rapperswil-Jona e Zug) teñen unha poboación conxunta de ao redor de 1,68 millóns de habitantes.[6]

Cultura

O idioma oficial empregado polo goberno e a maior parte da prensa é o alemán, mentres que o dialecto máis comunmente falado en Zürich é o Zürichdeutsch (alemán de Zúric), que é un dialecto do alemán de Suíza. O alemán é a lingua materna do 77% da poboación. O italiano é a segunda lingua nativa máis común, representando o 4,7% da poboación. Outras linguas con presenza relevante son o albanés (3,6%), linguas da antiga Iugoslavia 2,4% (inclúe serbio, croata, macedonio e esloveno), español (2,2%) (a maioría co galego como lingua materna), francés (2,1%), inglés (1,8%) e portugués (1,6%)[7]

No tocante á relixión, dende a reforma de Ulrich Zwingli, Zürich permaneceu como centro do Protestantismo en Suíza. Porén, no século XX os católicos consagráronse coma o meirande grupo relixioso da cidade, cun 33,3%, mentres que o número de habitantes que se declaran non relixiosos non para de medrar (un 16,8% en 2000).[8]

Lugares de interese

Igrexa de Grossmünster, Zúric
  • Igrexa de Grossmünster. É o principal templo protestante da cidade. Xogou un papel moi importante na Reforma Protestante, ao ser a igrexa da que Zwingli foi pastor e na que se xestou a ruptura da Igrexa do norte de Suíza. Está construída á beira do río Limmat sobre a base dun templo carolinxio erguido cara ao ano 820. O actual é de estilo románico e a súa construción foi iniciada no século XII, sendo inaugurada en 1220. Recentes escavacións confirmaron que onde hoxe se levanta a Grossmünster houbo un cemiterio romano. Os seus dous campanarios xemelgos son, posiblemente, o monumento máis coñecido de Zúric.
  • Igrexa de Fraumünster. O primeiro templo data do ano 874, sendo posteriormente reformada con elementos románicos no século XIII. Inicialmente tratábase dunha abadía, mais o claustro e os edificios abaciais foron derrubados a finais do século XIX. Destacan os vidros das cinco fiestras do coro cuxa decoración foi deseñada polo pintor Marc Chagall.
  • Igrexa de San Pedro. Posúe o reloxo de parede de igrexa máis grande do mundo, cun diámetro de 8,7 metros e construído en 1534. A igrexa actual é de 1460 e de estilo gótico, permanecendo aínda elementos románicos levantados cara a 1230. Escavacións arqueolóxicas evidenciaron a existencia dun primeiro templo erguido no século VIII.
  • Kunsthaus Zürich, o Museo de Arte de Zúric. Trátase dun dos museos de arte máis significativos de Europa. Acolle unha das máis grandes coleccións de arte moderna do mundo, con obras de Edvard Munch, Pablo Picasso, Alberto Giacometti ou Georges Braque.
  • Landesmuseum, o Museo Nacional Suízo. Ofrece un percorrido da historia do país helvético dende a Prehistoria ata o século XX.
  • Centre Le Corbusier ou Heidi Weber Museum. Localizado á beira do lago de Zúric, está dedicado ao traballo do arquitecto suízo Le Corbusier, na derradeira casa que el deseñou.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para zuriqués.
  2. Benigno Fernández Salgado (edición) (2004). Editorial Galaxia, ed. Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. p. 1296. ISBN 9788482887524. 
  3. Population chart
  4. Statistical Office of the City of Zürich
  5. Statistical Office of the City of Zürich
  6. Statistical Office of the Canton of Zürich
  7. Population Numbers Flyer (German)
  8. Gemeinde Zürich:
source: http://gl.wikipedia.org/wiki/Zurich

Comparte este destino

Alba González GallegoZúric